Os Premios Meninas, fallados polo xurado presidido polo delegado do Goberno, Javier Losada, recoñecen o labor de persoas ou entidades que destaquen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero.

Na provincia da Coruña teñen un galardón a Casa de Acollida para Mulleres (CAM) vítimas de violencia de xénero da cidade herculina e un recoñecemento, a garda civil Julia Conde.

A vítima e autora Inés Fernández obtén o premio pola provincia de Lugo, acompañada polo garda civil Raúl Álvarez.

É a Fundación Meniños quen resulta galardoada na provincia de Ourense, xunto ao recoñecemento á Unidade de Familia e Muller da Policía Nacional da cidade.

Por Pontevedra, o premio é para a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, de Vigo, ademais da policía nacional Natalia Feijóo.

As avogadas e avogados de Galicia que forman parte da quenda de oficio especializado na asistencia a mulleres obxecto de violencia de xénero están entre as personalidades recoñecidas pola súa loita pola igualdade nos «Premios Meninas», segundo o fallo publicado hoxe polo xurado, presidido polo delegado do Goberno, Javier Losada. Trátase da terceira ocasión en que os premios do Executivo en materia de igualdade chegan a Galicia, nesta ocasión con cinco galardoes e catro recoñecementos.

Con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Delegación do Goberno recoñece o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Faio cunha serie de galardóns que empezan cos avogados e avogadas integrantes da quenda de oficio en materia de violencia de xénero, en «recoñecemento da vocación deste colectivo en salvagardar os dereitos das mulleres e traballar coa firme vontade de erradicar da nosa sociedade a violencia machista», di o fallo.

Na provincia da Coruña concedeuse un premio á Casa de Acollida para Mulleres (CAM) vítimas de violencia de xénero, da cidade herculina. Chega «pola súa ampla traxectoria e experiencia en apoiar, asesorar e atender ás mulleres vítimas de violencia», continúa a resolución do xurado. Existe un recoñecemento na provincia ao sarxento da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil, Julia Conde.

Por Lugo é a vítima e autora de «As miñas fillas devolvéronme a vida», Inés Fernández, que tras 29 anos de malos tratos agora céntrase en traballar con outras vítimas. «O valor demostrado por Inés ao facer pública a súa historia, coa que pretende axudar a outras mulleres que se atopen nunha situación similar», resume o fallo. O recoñecemento é para o sarxento do Equipo Muller-Menor (EMUME) da garda civil Raúl Álvarez.

Na provincia de Ourense resulta galardoada a Fundación Meniños en recoñecemento «ó labor desta entidade para favorecer a construción dunha contorna familiar seguro, afectivo e educativo, incluíndo na súa metodoloxía de traballo medidas e accións coa visión de eliminar as diferenzas de xénero», di a resolución. Ademais, recoñece o traballo da Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional de Ourense.

A provincia de Pontevedra ten un premio para a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, de Vigo. «É necesario pór en valor o labor desta entidade para que moitas mulleres abandonasen a contorna de violencia e recuperasen a liberdade e a dignidade», agrega o xurado. A policía da UFAM de Vigo-Redondela Natalia Feijóo suma un recoñecemento.

O xurado, presidido polo delegado do Goberno, Javier Losada, completárono as persoas titulares das subdelegacións provinciais: Pilar López-Rioboo, Isabel Rodríguez, Emilio González e Maica Larriba; que contaron coas propostas da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación e as súas unidades provinciais de coordinación. Javier Losada fixo un chamamento a continuar avanzando cara ao fin da violencia machista, un dos principais males que debe erradicar a sociedade.

https://www.mptfp.gob.es/portal/delegaciones_gobierno/delegaciones/galicia/actualidad/notas_de_prensa/notas/2020/11/2020_11_04_02.html

https://www.atlantico.net/content/print/rede-mulleres-vecinais-malos-tratos-abogados-turno-oficio-premios-meninas/20201104132432803988

SAÍR RÁPIDO