O alcalde, Abel Caballero, xunto a Ángeles Arias, en representación do Consello municipal da Muller, informaron da programación para este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, co lema “Feminismo, revolucionando o mundo”.
Segundo avanzou Caballero, as actividades se inician este mesmo sábado, 5 de marzo, e conclúen o próximo día 22 deste mesmo mes e ofrecen unha proposta “da maior relevancia”, variada e con cabida para todos os públicos, con cine, contacontos, teatro, poesía, música e roteiros.
Arias detallou a ducia de accións previstas. O sábado 5 ás 19 horas, proxección da curta “Anatomía dunha serea”, de Adriana Páramo, no Auditorio municipal do Concello, con coloquio posterior coa directora e a actriz Iria Piñeiro. O luns 7, á mesma hora, recital aberto de poesía de xénero, con Silvia Penas, na Casa Galega da Cultura.
O martes, 8 de marzo, ás 10 horas terá lugar o tradicional Pleno específico do Consello municipal da Muller no Concello e pola tarde, ás 19:30 horas, a manifestación convocada por Galegas 8M desde a Praza de España.
Os actos continuarán desde o día seguinte. O mércores 9, ás 20 horas, representación da obra de teatro “Tabú”, da compañía Tarabela Creativa, no Auditorio municipal do Concello (para público de máis de 13 anos). O xoves 10, ás 20 horas, proxección do filme “La ola verde”, de Juan Diego Solanas, no Auditorio do Centro municipal de Teis. O venres 11, ás 17:30 horas, contacontos de igualdade por Paula Carballeira, na Praza 8 de marzo (para maiores de 4 anos) e o sábado 12, desde as 11 horas, visita guiada ao roteiro feminino Sons de Mulleres, a cargo de María Casar, con punto de encontro no Paseo de Alfonso.
A semana posterior tamén haberá programación. O 15 de marzo ás 20 horas se celebrará o acto de entrega do X Premio de Igualdade Ernestina Otero no Auditorio municipal do Concello, que recaeu este ano na catedrática África González. Ao día seguinte, o 16 de marzo, ás 20 horas comezará a representación da obra de teatro “As alumnas”, de Fina Calleja e texto de Paula Carballeira, no Auditorio municipal do Concello (para maiores de 14 anos), mentres que o 17 de marzo, ás 20 horas, se proxectará o filme “Sonita”, de Rolhsareh Ghaem, no Auditorio do Centro municipal de Teis.
As actividades concluirán o 22 de marzo coa actuación musical do grupo Filloas de Cassandra, no salón de actos do MARCO, ás 20 horas.
Mais información:
https://xornal.vigo.org/noticias/28582-teatro-cine-musica-e-contacontos-vigo-programa-unha-ducia-de-actos-polo-8-m