A Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, recoñeceu onte que «xa é momento» de que a Administración se coloque «polo menos, á altura da sociedade civil» en canto a medidas e iniciativas para combater os malos tratos. Durante a entrega en Santiago do premio Eu tamén navegar, para recoñecer o labor das asociacións que loitan contra esta lacra: á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e á Asociación Liberanza de Santiago. O vicepresidente Anxo Quintana insistiu en que para combater este problema «non abonda con accións puntuais» dende o Executivo galego.
Así, aínda que considerou que dende a Vicepresidencia «se están a dar pasos» favorables cara á igualdade entre homes e mulleres, pero advertiu da necesidade de «non caer na autocompracencia», xa que «aínda que o camiño iniciado é o correcto, aínda queda moito por percorrer».
Entre as diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta, Quintana referiuse á creación do salario da liberdade, como fórmula para que as mulleres «poidan abandonar o agresor», así como ao establecemento do Centro de Recuperación Integral para as mulleres que sofren violencia, que completará a atención que prestan as casas de acollida.
De igual forma, aludiu á necesidade de afondar no Acordo interinstitucional para a mellora na Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, para coordinar as actuacións entre Fiscalía, tribunais ou sociedade civil. Así mesmo, incidiu na importancia que terá a aprobación, a principios de 2007, da lei galega contra a violencia de xénero.
Quintana entregou os premios Eu tamén navegar: para unha Galiza sen violencia de xénero á Asociación de Promoción da Muller Liberanza de Santiago, así como á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.
https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/acci-n-global-violencia-KFCG108406
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2006/20061123/Anuncio24626_es.html