DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Unha psicóloga (María Jesús Abeledo), unha avogada (Lola Santana), unha administrativa (Laura Cebada), unha traballadora social (Raquel Doval) e Rosa Fontaíña, como coordinadora conforman o equipo multidisciplinar da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos. É unha asociación sen ánimo de lucro que traballa desde 1998 polos dereitos das vítimas e para previr a violencia de xénero.
No que vai de ano pasaron pola súa oficina, en rúa Oliva,12, preto de mil mulleres (945) en busca dunha solución, 220 foron novos casos. A dependencia económica e o benestar dos fillos son os asuntos que máis lles preocupan. Enfróntanse a procesos legais moi longos e algunhas o deixan polo camiño por medo, porque sofren violencia psicolóxica ou contan co respaldo dos seus familiares, apunta Santana, quen considera que as medidas son insuficientes en moitos casos.
Desde o punto de vista psicolóxico, Abeledo sinala que para iniciar os trámites, teñen que ter unha enerxía que lles falta á maioría, ás veces arrastran secuelas físicas; non están fortes e cando chegan aos tribunais poñen en dúbida a súa denuncia; ninguén ten en conta os danos cognitivos dunha vítima de violencia machista.
Desde A Rede de Mulleres advirten que as cifras de falecidas por malos tratos son moi superiores ás oficiais. Hai mulleres que morren por efectos das malleiras ou que se quitan a vida, esas non se contabilizan. Desde a asociación piden medidas preventivas e máis medios. Hai que desmitificar o amor romántico, as persoas non cambian por amor e os celos non se poden xustificar, indica Abeledo, quen lembra que non existe un perfil de vítima, pero tampouco de maltratador. O único en común é que elas son vulnerables e eles están educados no machismo.

https://www.atlantico.net/articulo/vigo/mil-mujeres-pidieron-consejo-rede-mulleres/20171126002600619254.html

SAÍR RÁPIDO