O sábado 9 de novembro, a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos organizou unha concentración de urxencia ante o Museo Marco para amosar a súa repulsa ante o asasinato machista que tivo lugar en Baiona o pasado 8 de novembro.
Unha muller de 36 anos, nai dunha nena de curta idade, foi asasinada pola súa exparella, contra quen xa existían denuncias previas por parte da vítima. Dende ese momento, é buscado polas forzas de seguridade, xa que, tras dar o aviso ao 112 e cando os sanitarios chegaron ao domicilio, fuxiu do lugar negando calquera relación co falecemento.
Por isto, desde a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos fíxose un chamamento a concentrarse, para denunciar unha vez máis outro asasinato debido á violencia machista, porque «non podemos deixar de facelo, por Estela e por todas as mulleres asasinadas que xa non teñen voz».