Despois de dous meses sen reunirnos, voltamos dende a Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, cunha nova concentración para denunciar os malos tratos, a violencia e os asasinatos de mulleres e crianzas pola violencia machista. Voltamos con novas moi tristes, este verán foi un dos mais tráxicos en violencia machista dos últimos 20 anos, entre xuño e xullo rexistráronse o 40% das asasinadas no que vai de ano. Estes datos nada alentadores, invítannos a reflexionar sobre qué é o que estamos a facer mal e poñen o foco no que deberíamos e poderíamos facer ao respecto.
Dende a Consellería de Igualdade expuxeron a necesidade de facer campañas e desenvolver protocolos pro activos para poder comezar a traballar en todo o que é resposta e prevención, incluída a protección nos lugares onde se atopan as vítimas. Non só nas comisarías, nin nos xulgados, porque alí as denuncias representan o 30% de toda a realidade. O 100% das mulleres tarde ou cedo están nos servizos de saúde e nos servizos sociais.
Consideramos que unha das principais vías de prevención da violencia de xénero é a EDUCACIÓN, para evitar a violencia de xénero cómpre promover e inculcar a educación das relacións de respecto, así como a igualdade de xénero, en idades temperás. Traballar coa mocidade é a mellor opción para conseguir un progreso rápido e sostido en materia de prevención e erradicación da violencia de xénero. Non obstante, as políticas públicas non teñen un impacto notable nesta etapa da vida, na que debería ser unha acción fundamental promover diferentes valores en igualdade de xénero coas crianzas. É necesario promover a empatía e o desenvolvemento dunha autoestima equilibrada para evitar a aparición de estereotipos de xénero na escola.
Os medios teñen o poder de visibilizar a violencia de xénero e denunciala con claridade e contundencia. Trátase de denunciar casos de violencia, pero tamén analizar as causas subxacentes e promover un cambio nas actitudes e comportamentos que a perpetúan.
Tamén a concienciación mediática xoga un papel crucial na loita contra a violencia de xénero. Teñen un alcance masivo e inflúen na opinión pública, polo que o seu compromiso e responsabilidade son fundamentais para combater esta lacra da sociedade.
Hai moitas mulleres que sofren a violencia de xénero e non obteñen unha sentenza ao seu favor nin orde de afastamento, o que deixa en mans dos servizos sociais a posibilidade de acreditar esta situación. Dende a Rede, esiximos que se promova que os servizos sociais fagan estás acreditacións e que se extenda a todos os servizos especializados en violencia de xénero, o que permitiría axilizar as achegas e impedir que as mulleres se atopen en situación de rúa e sen recursos para elas e as súas crianzas.
Outro dos grandes problemas que existen son as enormes trabas nos trámites burocráticos aos que se somete ás mulleres, con prazos excesivamente longos para as citas previas nos servicios públicos, que non permite dar respostas inmediatas. As Administracións Públicas deben estar ao servizo da sociedade e non facer máis difícil do que xa é a realización de trámites aparentemente tan sinxelos como é a alta no Padrón que é imprescindible para calquer tipo de trámite.
Ademais, pódense establecer alianzas con organizacións especializadas na loita contra a violencia de xénero para desenvolver campañas conxuntas, difundir recursos útiles e ofrecer espazos seguros para que as vítimas compartan os seus testemuños.
Os países poden establecer un marco legal, mediante leis e políticas específicas que protexa ás vítimas, sancione aos autores e promova a igualdade de xénero. Estas leis normalmente inclúen ordes de protección, medidas de seguridade, refuxios e apoio psicosocial para as mulleres.
Ademais, a Xustiza debe sancionar eficazmente aos agresores e garantir que se enfrontan ás consecuencias dos seus actos, non só coa necesidade de impor penas proporcionais a gravidade dos feitos, senón, e sobre todo, garantindo medidas de seguridade para ás mulleres, proporcionando ás ordes de afastamento e o seu cumprimento.