A asociación asinou un convenio co Concello vigués por valor de 10.000 euros. A Rede Veciñal contra os Malos Tratos de Vigo formará a homes e mulleres como mediadores en casos de malos tratos.
A Rede Veciñal de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo ofrecerá cursos de formación abertos a homes e mulleres co fin de que se convertan en mediadores en casos de violencia doméstica para colaborar con esta asociación en labores de asesoramento, información, atención e acompañamento a mulleres maltratadas.
Segundo explicou hoxe a coordinadora da Rede Veciñal, Rosa Fontaíña, medio milleiro de persoas pasaron xa por estas xornadas formativas, que se celebraron en anteriores edicións, das cales, sete foron homes, e dous deles exercen como mediadores na asociación, xunto con outras 74 mulleres.