Os delitos de violencia de xénero descenderon un 9,5 % en Vigo este ano a causa do confinamento.

A violencia de xénero diminuíu en Vigo un 9,5 % no que vai de ano, segundo desvelou o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, durante unha reunión coa presidenta da Asociación Rede De Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, Rosa Fontaíña.
O xuíz decano desvelou durante a reunión que, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, diminuíu o número de asuntos de entrada, tanto penais (de 787 a 712) como civís (de 83 a 65), no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, respecto de hai un ano. Serrano sinalou que o Xulgado de Violencia será «unha prioridade» na nova Cidade da Xustiza de Vigo. O órgano situarase na planta baixa do edificio do antigo Hospital Xeral, polo que disporá de acceso independente e separado para vítimas e agresores, salas amables para prexudicadas e menores, sala Gesell para exploración de menores e un adecuado Servizo de Atención á Vítima, tamén de fácil acceso para a cidadanía.
As cámaras ou salas Gesell consisten nunha habitación con espellos e amoblada dende a que os expertos poden observar o comportamento dos nenos e de persoas vulnerables ou discapacitadas sen que ninguén os poida perturbar. Serrano asegurou que a Consellería de Xustiza e o arquitecto responsable do proxecto da Cidade da Xustiza «aceptaron todas as ideas e propostas» expostas polo Decanato e a maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. O decano, segundo indica nun comunicado o TSXG, destacou a gran implicación e capacidade do traballo desta xuíza.


Acompañamentos

A representante da asociación pediu ao xuíz decano que Vigo cumpra co Estatuto da Vítima en materia de dereito de acompañamento aos xulgados e reclamou formación específica para o funcionariado e os xuristas en materia de igualdade e violencia de xénero. Neste sentido, o decano comprometeuse, por un parte, a facilitar estes acompañamentos, pero sempre tendo en contas as limitacións que a actual crise sanitaria impón, e por outra, lembrou a Fontaíña que o Consello Xeral do Poder Xudicial xa imparte formación específica nesta materia a xuíces e xuízas.
Ademais, Serrano destacou o esforzo que realiza o funcionariado para asumir as continuas funcións de garda, así como para reestruturar a axenda tras as suspensións ocasionadas pola pandemia da covid-19. A incorporación dun psicólogo no xulgado e dunha traballadora social serviron, en palabras do xuíz decano, para «mellorar as medidas de atención á vítima» e dar cumprimento ás esixencias establecidas na Lei 4/2015, de 27 de abril, do Estatuto da Vítima do Delito.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2020/10/06/ciudad-justicia-tendra-primera-camara-gesell-vigo-explorar-menores/00031602001428665823360.htm#:~:text=La%20violencia%20de%20g%C3%A9nero%20disminuy%C3%B3,Tratos%20de%20Vigo%2C%20Rosa%20Fonta%C3%AD%C3%B1a

SAÍR RÁPIDO